Fran Peleteiro | “O xacemento do Caldoval é único porque non hai outro cunha palestra asociada aos baños”

Fran Peleteiro | 
“O xacemento do Caldoval é único porque non hai outro cunha palestra asociada aos baños”
Francisco Peleteiro é experto en xestión do patrimonio | Cedida

Máis de 2.000 visitantes pasaron xa polas instalacións do Caldoval, en Mugardos. O Centro de Interpretación que abrira as súas portas no mes de setembro supera as previsións iniciais e pecha o ano cunhas datas que invitan ao optimismo.
Un dos dous guías que se encargan de exercer de maestros de cerimonias durante as visitas guiadas é Fran Peleteiro (Vigo, 1979). Con este experto en patrimonio e museografía falamos polo miúdo das novidades que se presentan no Caldoval nestas datas do Nadal.

Como están marchando as visitas guiadas ao Caldoval?
Están sendo un éxito. As visitas fanse normalmente nas fins de semana pero como nestas datas temos aberto tódolos días facemos catro quendas, dúas pola mañá, ás 10.30 e as 12.30 horas, e outras tantas pola tarde, ás 16.30 e 18.30 horas.

Que pode ver o visitante aquí?
Nestas visitas o que se trata é de que a xente comprenda como vivían hai 2.000 os romanos nunha pequena vila, onde hoxe está Mugardos. É interesante que comprendan a importancia que tiña para eles os baños termais con auga quente e fría, o coidado do corpo e a práctica do deporte en palestras como a que temos aquí.

Que é o que máis chama a atención aos que se achegan?
O avanzados que estaban. Por exemplo chama moito a atención da xente esa especie de chan radiante que tiñan para quencer as estancias, que pouco difire dos sistemas de hoxendía. Tamén sorprende moito que deran tanta importancia ao coidado do corpo e gozaran de cotío dos praceres deste tipo de baños termais.

Sabían coidarse os romanos...
Daban moita importancia ao saber vivir. Gozaban do ocio e os espectáculos. Pero claro, naquelas datas tamén había escravos, que non vivían tan ben. Parte da nosa herdanza ven deles.

Xa se sabe de quen eran estes baños?
As investigacións están en curso aínda de cara a determinar a procedencia deste xacemento. O que se atopou foi este circuito termal, cunha zona exterior onde seguro se practicaba deporte. O certo é que en moitas máis zonas de Mugardos poderían seguir aparecendo xacementos que veñan a dar resposta e a contextualizar mellor os restos do Caldoval. De certo, moi preto destes restos, apareceu tamén a vila romana de Noville, que se está claro que foi unha vila, unha especie de pazo onde vivían xente da elite romana con terras produtivas das que vivir. Pero no caso do Caldoval aínda están por determinar se pertencen a unha vila ou eran uns baños da comunidade. Por todo isto é tan importante seguir investigando e excavando.

Están recibindo visitas de centros escolares tamén?
Sí, está funcionando moi ben. De feito xa pasaron por aquí varios alumnos de escolas da vila e tamén están amosando o seu interese outros centros da comarca.

As visitas seguen sendo de balde, non si?
Seguen. Coido que a xente debe aproveitar o feito de poder facer visitas, xa sexa pola súa conta ou guiadas para coñecer un xacemento da importancia deste sen ter que pagar nada. É máis que un privilexio.

É preciso reservar día para podervisitalo?
Mentres as instalacións están abertas calquera pode vir. Para iso invito a xente a que consulte horarios e programas na páxina web. No tocante ás visitas guiadas é mellor reservar previamente, ben chamando por teléfono ou a través do mail. Para os escolares temos numerosas propostas de talleres previstas para os venres, como o de elaboración de mosaicos ou sobre cosmética e estética romana. As opcións escóllense dependendo da idade dos nenos.

Puxeron en marcha nestas datas un taller para as familias. Como está a resultar?
Moi ben. Trátase dunha búsqueda do tesouro pensada para as familas. Non é necesario reservar previamente. Eles chegan e nós lles damos unhas pautas para que atopen pistas repartidas en diferentes estancias do museo. Neste proceso, e a través de varias probas, descubren moitas cousas sobre o mundo romano, poden disfrazarse e ata facerse fotos variadas. O pasan realmente ben. De feito, o éxito da proposta foi tan grande que decidimos manter o programa o resto do ano.

Que diría vostede que diferencia o xacemento do Caldoval de otros similares?
Estes son os únicos baños romanos de todo o noroeste penínsular nos que se supón que teñen unha palestra asociada. Esta cancha onde realizaban un fútbol primitivo ou exercicios de halterofilia e ata xogos de mesa que temos aquí e non hai en ningún outro xacemento, e menos neste marabilloso estado de conservación e nun contorno e un museo tan fermoso como este.

Fran Peleteiro | “O xacemento do Caldoval é único porque non hai outro cunha palestra asociada aos baños”

Te puede interesar