O Concello de Cedeira presenta novos achados no Castro Sarridal e solicita unha nova actuación

O Concello de Cedeira presenta novos achados no Castro Sarridal e solicita unha nova actuación
Na última campaña avanzouse na recuperación do torreón defensivo e escavouse o foxo, entre outras accións | cedida

O Concello de Cedeira solicita outra colaboración autonómica para levar adiante os traballos de consolidación dos restos achados recentemente no Castro Sarridal. A intención é preparar un proxecto que incluiría a construción dunha ponte de madeira que permita o paso ao mesmo tempo que deixe á vista unha parte do xacemento que está oculta.
 

Patrimonio dispón de 14.500 euros para financiar a campaña, que abarcará 22 días deste mes, nos que se limpará, consolidará e protexerán as estruturas descubertas na anterior intervención.
 

“Sabemos que estivo habitado durante case mil anos, desde os séculos III ou IV antes de Cristo ata o IV ou V despois de Cristo, con dúas etapas diferenciadas, a castrexa e a galaico-romana”, comenta o arqueólogo, Emilio Ramil.
 

O camiño que existe oculta os restos do empedrado orixinal da época castrexa e o da etapa galaico-romana construido sobre o foxo castrexo. Así pois, o seu levantamento axudaría moito a clarexar a evolución histórica do castro e “serviría para ter unha idea completa do que foi o asentamento”, segundo Ramil.
 

A última campaña desenvolta en agosto, financiada polo Concello, dirixiuse a ampliar a superficie recuperada das estruturas defensivas do Castro Sarridal. No informe redactado polo arqueólogo recóllese que durante os traballos atopáronse varios elementos interesantes ao lado do foxo. Estes achados de relevancia histórica son un empedrado castrexo, seguido dun enlousado da época galaico-romana e tres muros castrexos rotos entre si, foxas con cantos rodados e parte dunha tumba de laxas.
 

Na reunión mantida para presentar os achados e solicitar a nova intervención, o alcalde de Cedeira agradeceu a colaboración de Mª Xosé Rodríguez, concelleira do BNG e arqueóloga.

O Concello de Cedeira presenta novos achados no Castro Sarridal e solicita unha nova actuación

Te puede interesar