Ares adxudica o proxecto básico para acondicionar o interior da Rectoral da vila

Ares adxudica o proxecto básico para acondicionar o interior da Rectoral da vila
Os traballos contemplan recuperar parte do interior do edificio para uso público | Cedida

A Concellaría de Urbanismo vén de anunciar a adxudicación definitiva do proxecto básico de acondicionamento do interior da Rectoral de Ares, o edificio do casco urbano da vila incluído no catálogo de bens protexidos por patrimonio e construído a finais do século XVIII. As obras reformarán o seu interior e recuperarán o inmoble para o seu emprego público, con usos tanto culturais coma sociais, como indican desde o consistorio aresán.


Na actualidade, a Rectoral atópase baleira por dentro, sen forxados ou pavimentos, coa cara interna dos muros con limo, sen revestimentos e cunha planta superior afectada por varios desplomes accidentais. A estrutura en si sufriu ao longo dos últimos anos unha degradación progresiva dende o seu abandono coma vivenda do párroco de Ares.


Por iso, a intervención recentemente adxudicada pretende seguir a estela de anteriores proxectos, como foi a rehabilitación da cuberta e exteriores da casa, co obxectivo de conservar e recuperar o seu estado orixinal, desta volta incorporando actuacións en numerosos elementos que conforman o interior da edificación. Así, como precisan desde o Concello, traballarase sobre a tabiquería, a carpintería interior e exterior (portas e ventás), o chan (incorporando tarima de castaño), a fontanería e sanitarios, a electricidade e mesmo a iluminación, empregando luminarias de tipo LED, entre outros.


En esencia, executarase unha reforma que aumentará a superficie útil da Rectoral, pasando dos 171,13 metros cadrados actuais aos 277,09 metros cadrados despois do proxecto, pola ampliación da planta superior. “Porén, si que se conservarán elementos como a envolvente exterior, a estrutura da cuberta, o muro interior de separación de espazos, o porche e portas de cantería, os recercados das ventás e portas ou o patín de entrada con escaleiras, un elemento que outorga singularidade ao inmoble”, informan. Trátase dunha das tres edificacións en todo Ares que conta cun patín destas características, xunto coas instalacións do Xulgado e a Casa da Xuventude, ambos xa de titularidade municipal e rehabilitados no seu día para os usos actuais.


O investimento total que supón este proxecto é de 121.527,56 euros, IVE incluído, con 80.189,86 euros asumidos pola Deputación da Coruña no POS+2021 e 41.337.70 euros das arcas do Concello, como apuntan desde o departamento de Julio Iglesias.

Ares adxudica o proxecto básico para acondicionar o interior da Rectoral da vila

Te puede interesar